PLANIFICACIÓN E POLÍTICAS LINGÜÍSTICAS EN GALICIA (1981-96). UN BALANCE

HENRIQUE MONTEAGUDO
Universidade de Santiago (Galicia, Spain)


O presente relatorio constituirá unha aproximación tentativa á problemática da política e a planificación lingüística en Galicia nos quince últimos anos, isto é, no tempo que levamos vivido de réxime autonómico. Centraremos a nosa análise nas propostas e iniciativas referidas ó estatus da lingua galega, situándoas no trasfondo da situación sociolingüística e atendendo ós obxectivos perseguidos e ós ámbitos e tipos de intervención contemplados, para finalmente tentarmos caracterizar a liña de planificación lingüística seguida polos diferentes gobernos autonómicos. A intervención estructurarase nos seguintes apartados:

1.- Preliminares: Planificación Lingüística (PlaL) e Política(s) Lingüística(s) (PoL).
2.- Visión da situación en Galicia: marco político-lingüístico, dinámicas sociolingüísticas e procesos de planificación.
3.- Funcións sociais da lingua e ámbitos de intervención da Planificación Lingüística.
4.- As posicións político-lingüísticas: obxectivos e modalidades da Planificación Lingüística.
5.- Recapitulación e conclusións.

No primeiro apartado, situarémonos perante os conceptos de Planificación Lingüística e Política Lingüística, subliñando as relacións existentes entre eles e deseñando os problemas máis importantes con que se enfrontan e as modalidades xerais que se poden distinguir.

No segundo apartado, faremos unha breve historia e caracterización do marco político-lingüístico en Galicia, e das dinámicas sociolingüísticas en presencia.

No terceiro apartado, sinalaremos os ámbitos principais en que se teñen producido intervencións planificadoras, os seus logros e fracasos xerais, e a configuración político-lingüística global resultante. Distinguiremos os ámbitos simbólico, oficial, de comunicación pública, do ensino e da comunicación privada; mostrando que a desigualdade de iniciativas e de resultados conseguidos en cada un deles resulta dunha determinada opción político-lingüística.

No cuarto apartado, tentaremos caracterizar as diferentes posicións político-lingüísticas que se foron configurando en Galicia neste período, para o cal proporemos distinguir os seguintes tipos: (a) reaccionaria/renuente, (b) acomodaticia, (c) posibilista e (d) rupturista. Para realizar a caracterización, teremos fundamentalmente en conta o seguinte: (a) modelo ou obxectivos sociolingüísticos perseguidos a medio e longo prazo, (b) posicionamento verbo do marco político-lingüístico vixente, (c) papel atribuído ós poderes públicos na consecución dos devanditos obxectivos, (d) modalidades de intervención político-lingüística. Aínda que, debido á ausencia de investigación neste terreo, no actual estadio dos nosos coñecementos non é posible presentar un panorama detallado, coidamos que se pode ofrecer un mostrario de exemplos significativos do peso e os apoios políticos e sociais de cada unha das ditas posicións-tipo.

No apartado final ofreceremos unha recapitulación crítica e unhas conclusións sobre a evolución da Planificación Lingüística en Galicia no período considerado, acerca das distintas alternativas presentes, e unhas reflexións sobre as potencialidades e as limitacións da Política e a Planificación Lingüísticas no noso país.