Editorial / Contidos do Vol. 1,2 / Comité Científico / Comité de Redacción / Envío de Orixinais / Subscricións / Volumes Anteriores

Editorial

    Desde a aparición das revistas Language in Society (1972) e International Journal of the Sociology of Language (1974), son varias as publicacións periódicas xurdidas no dominio internacional que se veñen ocupando de difundir a investigación e os avances logrados no eido da sociolingüística e disciplinas afíns. O seguimento das distintas revistas permite tamén confirmar ata qué punto a sociolingüística se insire nunha encrucillada interdisciplinar, derivada da propia complexidade das conexións entre o lingüístico e o social.
    A revista que aquí presentamos, Estudios de Sociolingüística , adopta unha concepción ampla sobre os límites desta disciplina, e asume como propio ese carácter interdisciplinar. Deste xeito, Estudios de Sociolingüística (abreviadamente, EdS) dará cabida a colaboracións sobre os problemas tradicionais, isto é, sobre variación lingüística; patróns sociolingüísticos; cambio lingüístico; variedades, estilos e rexistros; situacións comunicativas e acontecementos de fala; análise microinteraccional da fala; cortesía; bilingüismo, conversación bilingüe e alternancias de código; comunicación intercultural; linguas en contacto; diglosia; pidgins e crioulos; lingua e cultura; linguas e identidades; xénero e discurso; actitudes e imaxinario lingüístico; linguas e ideoloxía; diversidade das situacións lingüísticas do mundo e modelos descritivos; bilingüismo e multilingüismo; linguas minoritarias; perda, mantemento e recuperación de linguas; política e planificación lingüística; educación bilingüe; desigualdade lingüística e social; linguas e desenvolvemento, etc.
    Non obstante, Estudios de Sociolingüística tamén dará cabida a colaboracións que se desenvolvan en eidos afíns, como a pragmática, análise do discurso, análise conversacional, lingüística interaccional, etnografía da comunicación, antropoloxía lingüística, etnometodoloxía, adquisición da linguaxe e socialización, etc. Obviamente, asumimos como naturais as diferencias de escola ou de orientación investigadora, e todas elas terán cabida por igual en EdS.
    O noso principal obxectivo con esta nova revista é contribuír razoablemente á difusión do coñecemento e da investigación internacional, ofrecendo un foro máis de reflexión sobre as cuestións que ligan as linguas coas sociedades e as culturas. Naturalmente, esta revista nace cuns trazos específicos, trazos que, se cadra, axudarán a caracterizala. En efecto, EdS nace nunha zona periférica de Europa, en Galicia, e, neste sentido, facemos propia a sensibilidade e o punto de vista das linguas minoritarias; ademais, en termos xerais, cremos que a sociolingüística que se fai na periferia europea (entre outras, a sociolingüística galega) debe entroncar de xeito directo coa tradición investigadora internacional, e esperamos poder contribuír nalgunha medida a esta tarefa.
     EdS diríxese a un público lector especializado, nacional e internacional. Consideramos esencial que acade unha ampla circulación entre os investigadores nos círculos internacionais. Somos conscientes de que este obxectivo require unha considerable presencia na revista das linguas de maior circulación, e, de xeito particular, do inglés. Así, trataremos de respetar esta necesidade en cada un dos números. Ó mesmo tempo, este pragmatismo non afogará a presencia doutras linguas, e EdS admitirá e publicará traballos (artigos e recensións) escritos en galego, castelán, catalán, portugués, francés, italiano e inglés. Neste sentido, cremos que o estudio da heteroxeneidade lingüístico-cultural debe facer un esforzo por predicar co exemplo no eido mesmo das publicacións especializadas.
    EdS asume certas reflexións de partida sobre a sociolingüística como tal. Así, cremos, como tantos outros colegas e investigadores, que o entramado teórico sobre o que se fundamenta o noso traballo está necesitado dunha maior consistencia e sistematización. Así mesmo, descoñecemos qué debemos saber, como sociolingüistas, sobre socioloxía, sobre psicoloxía social ou sobre antropoloxía, máis alá das escasas nocións que, con frecuencia de xeito bastante estereotipado, circulan entre nós procedentes destas disciplinas. Estes non son meros problemas de índole disciplinar (e, en todo caso, non é esa a nosa preocupación fundamental), senón problemas epistemolóxicos que afectan á conformación dos nosos instrumentos conceptuais e de pensamento. Por estas razóns, EdS adicaralle unha atención especial a aqueles aspectos das teorías sociolóxica, sociopsicolóxica e antropolóxica susceptibles de seren de interese para o traballo sociolingüístico, e isto na súa dobre vertente de reflexión teórica e tamén á maneira dunha "didáctica da socioloxía para sociolingüistas", da psicoloxía social ou da antropoloxía. Algúns destes problemas e orientacións han ser abordados de xeito específico en números monográficos de EdS.
As achegas metodolóxicas procedentes do conxunto das ciencias sociais, e que poden ser (ou están sendo), de utilidade na investigación sociolingüística, tamén han recibir a atención que merecen, e serán obxecto de, alomenos, un número monográfico no primeiro tramo da nosa andaina.
    Contribuír a unha sistematización, sequera parcial, das achegas teóricas e metodolóxicas que proceden das ciencias sociais e humanas, é un dos obxectivos que os editores desta revista nos formulamos desde o momento da súa concepción.
 Así mesmo, a investigación e a reflexión teórica sobre o complexo de fenómenos e cuestións que podemos incluír baixo a etiqueta de bilingüismo constitúen unha liña vertebradora fundamental de EdS. O novo pulo adquirido polos estudios de bilingüismo permite albiscar un fértil terreo de encontro entre sociolingüistas e psicolingüistas, ademais de resultar moi prometedor para o desenvolvemento da propia teoría da linguaxe. O bilingüismo (social ou individual), entendido nun sentido amplo, merecerá pois unha considerable atención, tanto desde unha perspectiva sociolingüística, como psicosociolingüística, pragmática, conversacional, educativa, planificadora, etc.
    EdS terá dous números por ano. Este volume 1:1 ten unha extensión de 230 páxinas, superior á que será usual nos seguintes números (que terán arredor de 120 páxinas). Unha parte importante han ser números monográficos, pois estimamos que a agrupación temática dos materiais é especialmente interesante para os investigadores.
     EdS dispón dun Comité Científico integrado por especialistas de distintos países, e no que están representadas unha diversidade de liñas de traballo e de perspectivas. Os artigos recibidos na secretaría da revista han ser avaliados por alomenos dous membros do Comité Científico coñecedores desa liña de traballo. Conservarase sempre o anonimato do autor do artigo. Á vista dos informes emitidos, o Comité de Redacción decidirá sobre a súa publicación. Este proceso quere asegurar unha alta calidade nos contidos de EdS.
     Os editores convidamos ós investigadores a colaborar con EdS, enviándonos artigos e recensións, suxerencias ou propostas para a preparación de números monográficos, etc.
    Confiamos en que os dous números por ano de Estudios de Sociolingüística vaian sabendo facerse pouco a pouco un oco nos anaqueis das bibliotecas e nas lecturas dos investigadores.
 

 

Os Editores

Xoán Paulo Rodríguez-Yáñez     Anxo M. Lorenzo Suárez     Fernando F. Ramallo