|
![]() ![]() |
Editorial
/ Contidos do Vol. 1,2 / Comité
Científico / Comité de Redacción
/ Envío de Orixinais / Subscricións
/ Volumes Anteriores
![]() BILINGÜISMO
(Número monográfico) PRESENTACIÓN DO VOLUME 1,1 Este primeiro número de Estudios de Sociolingüística é un monográfico sobre o bilingüismo1. As quince colaboracións que o constitúen foron presentadas como conferencias plenarias no I Simposio Internacional sobre o Bilingüismo: Comunidades e individuos bilingües, organizado polos editores deste número na Universidade de Vigo, e celebrado en Vigo (Galicia, España) do 21 ó 25 de outubro de 19972. Este Simposio foi concibido por investigadores que desenvolven habitualmente o seu traballo no eido da sociolingüística, concretamente no caso galego/castelán, e desde distintas ópticas. Os estudios de bilingüismo, entendido como un complexo de fenómenos (amplisimamente representados na bibliografía internacional, e con relativa independencia da progresiva consolidación da psicolingüística ou da sociolingüística), e a súa evidente natureza interdisciplinar, ofrecíannos un magnífico campo para o intercambio de ideas e de investigacións entre especialistas, no que os enfoques da sociolingüística estarían representados pero no que ademais convivirían cos de outras disciplinas (psicolingüística, antropoloxía lingüística, pedagoxía, análise do discurso, socioloxía da linguaxe, lingüística de contacto, etc.), adaptándose á natureza complexa deste tipo de fenómenos. Naceu así a idea de crear un foro na Universidade de Vigo, no que, cunha periodicidade de tres ou catro anos, se reunisen investigadores do panorama nacional e internacional, e debatesen sobre os problemas de bilingüismo desde diversos puntos de vista. Confiamos en que, ó mesmo tempo, este contacto, periódico pero intensivo, coas grandes liñas de traballo sobre o bilingüismo, redundase nunha percepción máis analítica e completa da nosa propia situación en Galicia. Xa realizada a 1ª edición do Simposio, seguiremos ofrecendo contribucións sobre este fenómeno universal (e central para a propia teoría lingüística) nas sucesivas edicións do mesmo. O II Simposio Internacional sobre o Bilingüismo terá lugar en Vigo probablemente en outubro do ano 2001, e no seu momento daremos a coñecer a primeira circular informativa. No sucesivo, este evento terá lugar cada tres anos. A primeira edición do Simposio concebímola coma un percorrido polos que son algúns dos principais campos temáticos nos estudios sobre bilingüismo: identidade bilingüe, adquisición bilingüe, conversación bilingüe, linguas en contacto, e, por último, planificación lingüística. Dentro das súas limitacións, o noso obxectivo foi presentar un primeiro abano de problemas e de perspectivas. As futuras edicións do Simposio estarán xa centradas en aspectos concretos do bilingüismo, e isto quedará reflectido no programa de conferencias plenarias. O sumario deste número monográfico recolle pois, e na mesma orde, a estructura das conferencias plenarias do Simposio. En primeiro lugar o texto da conferencia inaugural impartida por Suzanne Romaine (Univ Oxford). A seguir, cinco sesións temáticas, cada unha delas con tres conferencias: a 1ª sesión, titulada A construcción da identidade nas comunidades bilingües, con textos de Joan A. Argenter (Univ. Autònoma de Barcelona), Peter H. Nelde (Research Centre on Multilingualism, Bruxelas) e Mauro A. Fernández (Univ. A Coruña). A 2ª sesión, sobre o tema Adquisición bilingüe e linguaxe infantil, con textos de Christine Deprez (Univ. René Descartes-Sorbonne), Danielle Bouvet (Univ. Lyon 2) e Charlotte Hoffmann (Univ. Salford). A 3ª sesión, sobre Análise da conversa bilingüe, con colaboracións de A. Duranti (Univ. California at Los Angeles), C. Alvarez-Cáccamo (Univ. A Coruña) e Peter Auer (Univ. Freiburg). A 4ª sesión, titulada Linguas en contacto, con traballos de Ceil Lucas (Gallaudet Univ., Washington), Jordi Colomina (Univ. Alacant) e Sarah G. Thomason (Univ. Michigan). E, finalmente, a 5ª sesión, sobre Planificación lingüística e desenvolvemento, con colaboracións de Louis-Jean Calvet (Univ. Provence), Robert Chaudenson (Univ. Provence) e Henrique Monteagudo (Univ. Santiago de Compostela). O texto da conferencia impartida por este último investigador non se publica, sen embargo, neste volume. Estas sesións tiveron cadanseu presidente: respectivamente, Henri Boyer (Univ. Montpellier, Francia); Elizabeth Lanza (Univ. Oslo, Noruega); Amparo Tusón (Univ. Autònoma de Barcelona, España); Roberto Cerrón-Palomino (Pontificia Univ. Católica de Perú); e Modesto A. Rodríguez Neira (Univ. Santiago de Compotela, España). Así mesmo, cada unha das sesións estivo seguida por un debate iniciado por dous relatores especialistas no tema da sesión, e no que a seguir puido participar o público asistente. Sen embargo, neste volume monográfico, e por razóns de espacio, non se recollen nin as breves presentacións dos presidentes de sesión, nin os comentarios dos relatores, e tampouco os debates producidos a raíz das intervencións dos especialistas asistentes. Xoán Paulo Rodríguez-Yáñez Anxo M. Lorenzo Suárez Mª Carmen Cabeza Pereiro Os Editores do Volume 1,1
|